• para compartires e descargares!

    Síntese gramatical


    Autoría: Xesús M. Mosquera Carregal, Sara Pino Ramos
    ISBN: 978-84-9749-321-5
    Editado por: Servizo de Publicacións, Universidade da Coruña
    Data: A Coruña, 2008
    Páxinas: 126

    Descárgao aquí

    Introdución
    Logo da publicación por parte deste servizo dos volumes Criterios para o uso da lingua, Sobre a calidade da nosa lingua e mais o Manual de documentos administrativos, ve agora a luz esta síntese gramatical que materializa unha das medidas aprobadas pola Comisión de Seguimento do Plano de Normalización Lingüística. Se cos tres volumes mencionados o grande obxectivo era contribuírmos “á homoxeneización, á actualización e á mellora da calidade dos escritos”, con este cuarto atendemos a aquelas outras cuestións que están na cerna do idioma, a aqueles aspectos máis salientables da gramática.

    Pode parecer unha orde de publicación contraditoria, mais se estes tres primeiros títulos viñan cubrir unha necesidade –mesmo se podería falar dunha urxencia– como era a de dotar a UDC dun modelo de lingua, duns criterios lingüísticos e dun corpus documental homoxéneo e estandarizado, esta obra que agora presentamos pretende ser unha ferramenta básica de consulta que sirva para asentar os coñecementos nalgúns casos, para estimular o emprego da lingua galega noutros e para se converter, en definitiva, nunha obra de consulta rápida e sinxela que contribúa a que os membros da comunidade universitaria desenvolvamos en lingua galega a nosa práctica profesional e/ou investigadora.

    Por se tratar dunha síntese, o tratamento de cada unha das epígrafes é intencionadamente esquemático e práctico. Non é esta unha obra dirixida a especialistas, senón un compendio que, integrado no modelo lingüístico xa ofrecido polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL), resulte accesible ao maior número de persoas. Trátase de achegar unha visión global da gramática galega que foxe, na medida do posible, dos contidos teóricos e das súas abstraccións. É por iso que tamén no xeito de presentarque as acompañan, preséntanse en dous niveis distintos, por unha banda, aquelas peculiaridades que se consideraron de maior interese e, pola outra, chamadas ou apuntamentos moi concretos, que mesmo en ocasións establecen o contraste directo co castelán.

    Á súa vez, nos apéndices, presentamos unha táboa coas modificacións das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas pola Real Academia Galega en 2003, os criterios lingüísticos adoptados polas tres universidades galegas co fin de harmonizaren os seus escritos, unha escolma de ligazóns de interese, algúns recursos para un emprego non-sexista da linguaxe e, por último, unha selección bibliográfica para quen quixer afondar nalgún dos aspectos abordados na presente obra.

    Xa para rematar, queremos agradecerlle as súas suxestións, após a lectura do bosquexo desta síntese, a Xosé Ramón Freixeiro Mato, director do SNL naquel momento, e con quen sempre contamos para matizar esta ou outra cuestión. Agardamos que esta síntese gramatical sexa un instrumento útil e poida contribuír a consolidar as competencias en lingua galega de todas as persoas que empregaren ou tentaren empregar o noso idioma. Así mesmo, quedamos agradecidos de antemán por todos os comentarios e suxestións que se nos queiran facer chegar e que puideren mellorala en futuras edicións.

    0 comentarios:

    Enviar um comentário

     

    Sobre min

    Ola! Aínda que pareza mentira, esta cousa se lle ocorreu a alguén e ese alguén fun eu, o @echeoqhai de Twitter, aínda que na casa me coñecen por Iván.

    Serei breve: son licenciado en Filoloxía Galega, traballei no SNL e na OSL da UDC, e tamén no SNL de Cerceda. Agora ando enredado na internet.

    Na vida pública son aprendiz de gaiteiro de @osvicentes, secretario dos Curriolos, vogal e de Tempo Novo e xogador dos @Fillosdebreogan.

    Cando teño tempo actualizo este blog e, con menos frecuencia, un outro que tenta ser serio e outro máis que non o é.

    Como comprenderás con esta actividade, son solteiro sen cargas familiares :P