• para compartires e descargares!

    Criterios para o uso da lingua




    Autoría: Goretti Sanmartín Rei (coordinadora), Ana Isabel Martínez Fernández, Iván Méndez López, María Luísa Pita Rubido, Marisol Ríos Noia
    ISBN: 978-84-9749-234-8
    Editado por: Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña
    Data de edición: 28 Febreiro 2007
    Páxinas: 156

    Descárgao aquí


    Presentación

    O volume que agora presentamos é o primeiro dunha serie que pretende ofrecer un modelo lingüístico e estilístico para os escritos institucionais da Universidade da Coruña. Se aquí incluímos as escollas que desde o Servizo de Normalización Lingüística nos parecen máis acaídas para os contextos de uso dos documentos administrativos a respecto do emprego de maiúsculas e minúsculas, dos signos de puntuación, das abreviaturas, dos tratamentos, do emprego dos nomes propios, da utilización dunha linguaxe que visibilice a incorporación das mulleres a todos os ámbitos da vida universitaria e dunha proposta para as citacións e as referencias bibliográficas, o complemento deste texto, desde a perspectiva da mellora da calidade da lingua galega, pode consultarse no segundo volume que, co título Sobre a calidade da nosa lingua, verá o lume ao mesmo tempo que esta primeira obra. Con estas dúas propostas, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña quere contribuír á homoxeneización, á actualización e á mellora da calidade dos escritos que emanan da institución de ensino superior, sempre na liña de confluír co labor desenvolvido polas outras universidades galegas, coas que agardamos poder ofrecer, un día non moi afastado no tempo, un manual de estilo universitario común ao sistema universitario galego.

    Co afán didáctico que pretendemos, incluímos moi escasos contidos teóricos e salientamos, de maneira especial, unha exemplificación que está tirada, na inmensa maioría, dos textos que foron corrixidos neste servizo durante os últimos meses, nun intento de responder ás necesidades das persoas usuarias da nosa unidade. Evidentemente, non rexeitamos, nalgunha ocasión, a inclusión de exemplos inventados ex professo para algúns apartados que, aínda sendo de uso minoritario no labor habitual da institución universitaria, xulgamos que debían figurar nunha obra destas características. Dentro desta exemplificación, e seguíndomos o uso xa habitual en textos deste tipo, marcamos con asterisco as formas incorrectas, pois pensamos que da súa lectura e contraste pode tirar o público lector un importante aproveitamento.

    Por último, incorporamos ao final deste volume, na bibliografía, algunhas propostas básicas a respecto dos contidos que aquí se mencionan, coa intención de facilitar aqueloutros textos que poidan ampliar ou servir para contrastar as formulacións que aquí defendemos como orientativas.

    O derradeiro lugar desta obra ocúpano seis anexos en que ofrecemos as abreviaturas máis empregadas habitualmente no ámbito universitario, unha relación de topónimos fecuentes e as siglas e os acrónimos que aparecen, ás veces de maneira excesiva, nos escritos que corriximos.

    Agradecemos ás profesoras que impartiron na Universidade da Coruña cursos de lingua galega nos últimos dous anos, e moi especialmente a Daniela García Sánchez e a Nuria Seoane Bouzas, as súas suxestións tras a lectura previa de parte deste texto. Debe ficar tamén constancia da axuda que sempre nos prestaron tanto a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo como o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Neste ámbito concreto queremos subliñar a colaboración de Manuel Bermúdez, un profesional sempre disposto a nos botar unha man e co que compartimos o feito de acreditar na necesidade de debater e consensuar propostas para rendibilizar mellor os recursos e ofrecer unha imaxe de maior solidez. Recollemos tamén as sempre interesantes observacións a respecto das citacións e referencias bibliográficas de Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor da Área de Filoloxías Galega e Portuguesa desta universidade.

    Xa para rematar, son as persoas usuarias do noso servizo tanto as destinatarias primeiras desta obra como a súa primeira causa. O seu esforzo por aumentar e mellorar o uso da lingua galega fará que se non poidan aplicar a este texto as certeiras palabras que Rosalía de Castro sinalaba no prólogo de Follas Novas ao se decatar de non poderen acceder á escrita as clases populares: «As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estes versos, escritos á causa deles, pero só en certo modo para eles». Neste caso sabemos xa, polas expectativas que xerou e as consultas que recibimos, que a Universidade da Coruña aproveitará unha proposta que deberá ser acrecentada e revisada mais que marca un camiño ao que cada membro da comunidade universitaria pode contribuír cun maior emprego, oral e escrito, da lingua que nos identifica como galegas e galegos.

    Agardamos que esta proposta sexa máis un instrumento útil e que poida coadxuvar a dar a seguranza necesaria a todas as persoas que utilizan o noso idioma decotío.

    0 comentarios:

    Enviar um comentário

     

    Sobre min

    Ola! Aínda que pareza mentira, esta cousa se lle ocorreu a alguén e ese alguén fun eu, o @echeoqhai de Twitter, aínda que na casa me coñecen por Iván.

    Serei breve: son licenciado en Filoloxía Galega, traballei no SNL e na OSL da UDC, e tamén no SNL de Cerceda. Agora ando enredado na internet.

    Na vida pública son aprendiz de gaiteiro de @osvicentes, secretario dos Curriolos, vogal e de Tempo Novo e xogador dos @Fillosdebreogan.

    Cando teño tempo actualizo este blog e, con menos frecuencia, un outro que tenta ser serio e outro máis que non o é.

    Como comprenderás con esta actividade, son solteiro sen cargas familiares :P