- Autoría: Comisión de Normalización Lingüística da USC
- Entidade: Universidade de Santiago de Compostela
- Ano: 2001
- Páxinas: 19
Descárgao aquí
Fonte da descarga: Universidade de Santiago de Compostela
A Comisión de Normalización Lingüística elixida polo Claustro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estivo, desde a súa constitución, a traballar na elaboración dun Plan de Normalización Lingüística que partiu dos referentes legais e estatutarios (Estatuto de Autonomía de Galicia, Lei de normalización lingüística, Estatutos da USC, Programa de normalización lingüística, e Regulamento do uso do galego na USC), así como do traballo de normalización xa realizado na USC desde a aprobación dos primeiros Estatutos, no ano 1985, e do que veu sendo eixo vertebrador o Servicio de Normalización Lingüística e as Comisións de Normalización Lingüística de diversos Centros.
O Plan que presenta a Comisión de Normalización Lingüística trata de conxugar os dereitos individuais (de cada un dos membros da institución) cos dereitos colectivos; así como as obrigas institucionais cos citados dereitos. Non pretende impoñer, senón convencer; non pretende castigar senón incentivar; non pretende violentar vontades senón garantir dereitos fundamentais; non pretende a substitución dunha lingua por outra, senón a coexistencia harmónica, sen discriminacións de ningunha caste, das dúas linguas oficiais da Universidade de Santiago de Compostela.
A normalización da lingua nunha institución complexa, como a USC, require non soamente poder dispor de organismos técnicos que elaboren documentos, que formen lingüisticamente o personal e que realicen labores técnicos de normalización e de análise da situación; senón que máis importante que a creación dos órganos técnicos é conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos universitarios neste proceso. Por iso, cómpre contar con dous factores imprescindibles para levar adiante o proceso de cambio: en primeiro termo, o compromiso e a vontade firme das autoridades académicas e, en segundo, un compromiso unánime co Plan por parte de todos os sectores e ámbitos da Universidade que, desde o Claustro, irradie cara a centros, departamentos e servicios da USC. A Comisión de Normalización Lingüística é consciente de que non é posible acadar a plena normalidade lingüística na USC se non se fai do obxectivo da normalización unha empresa asumida colectivamente.
A normalización lingüística é un proceso complexo e dinámico que precisa fixar uns obxectivos concretos, deseñar un conxunto de accións interrelacionadas e facer balance do desenvolvemento das ditas accións e o grao de consecución dos obxectivos; todo isto coa perspectiva dun cambio progresivo da situación da lingua galega cara á súa plena normalización. Terá, amais, que analizar as eivas e reconsiderar os proxectos iniciados, de xeito que se poidan dar novos pulos que asenten os avances acadados e se atopen novos camiños coa vontade de progresar no cumprimento dos mandatos legais e estatutarios.
O Plan de Normalización Lingüística parte dunha análise da situación do coñecemento e uso da lingua galega na Universidade. A partir da dita análise, fíxanse uns obxectivos xerais e específicos esenciais, de xeito graduado e progresivo, ata o ano 2010 (como un elemento máis do Plan Estratéxico da USC). Así mesmo, o Plan establece as medidas precisas para a consecución dos obxectivos.
0 comentarios:
Enviar um comentário